19.6.09

Sinvergonzas: Plan Ocio y Trabajo

A Dirección informounos do plan que denominan “Ocio y Trabajo”, trátase dunha regulación temporal encuberta e forma parte do paquete de medidas para reducir gastos. Este Plan consiste no seguinte:

  • Ata 100 Excedencias retribuídas de 6 meses ou 50 por 1 ano retribuídas cun 20 ou 30% do salario fixo respectivamente.

  • Reducións voluntarias dun 20% da xornada durante 1 ano cunha redución do 10% do salario.

  • Posibilidade de disfrutar dun mes máis de vacacións (fóra do verán e do Nadal) cunha retribución do 10% do salario mensual e do rateo das pagas extras.

  • En todos os casos as cotizacións á Seguridade Social veranse afectadas.

Ademais do desafortunado nome elixido pola empresa, este plan elaborado por Área Directivos, presenta demasiados puntos escuros e enmárcase na situación de dificultade pola que atravesa o sector financeiro, nomeadamente Caixa Galicia.

Segundo o redactado presentado pola empresa, terán preferencia para “acollerse” a estas medidas as nais/pais con fillos/as menores. Non cabe entendelo como unha garantía, toda vez que nos últimos meses asistimos a numerosas medidas que demostran o contrario: presións para estender a xornada laboral facendo horas extras, traslados a máis de 25 quilómetros, etc. Esta situación é coñecida tanto por RRHH como por Área Directivos, departamentos que agora pretenden presentar este “Plan Ocio y Trabajo” como medidas a prol da conciliación, cando é unha regulación temporal.

En todo caso máis alá da opinión sindical, agardamos unha maior concreción por parte da empresa, así como que nos faciliten copia dos contratos modelo para poder contar coa opinión das nosas asesorías xurídicas. Nomeadamente no relativo ás excedencias, xa que non está garantida a reincorporación no posto actual; neste senso aconsellamos ao persoal interesado que agarde a que deamos os pasos arriba sinalados antes de tomar unha decisión.

Así mesmo coñecemos extra oficialmente que, debido a situación económica, a dirección non contempla xubilacións anticipadas a tempo parcial para os vindeiros anos.

Seguiremos informándovos.

Sem comentários: