5.12.06

Un paso adiante, dous atrás

Dende a celebración das Asembleas mantivemos reunións coa Dirección para presentarlle as demandas do persoal tratando de abrir unha vía de diálogo. Neste senso temos que dicir que a Dirección ven de dar un paso adiante...pero dous atrás.

A empresa propón un acordo para manter as condicións das Xubilacións Parciais.

Dende a CIG vimos reivindicando un acordo para poder manter as actuais condicións de xubilacións ata Decembro do 2009, xa que entendemos que o anterior foi satisfactorio para ambas partes.
Por fin a Dirección ven de presentarnos unha proposta, agora ben é só para o ano 2007, deixando exclusivamente en mans do Consello de Administración a posible prorroga anual ata Decembro do 2009. Tampouco contempla que os contratos de relevo sexan fixos, o que supón un paso atrás, non podemos admitir que se cambien postos de traballo fixos por contratos temporais.

A falta de persoal agudiza a presión comercial, polo que dende a CIG pensamos que este acordo debe formar parte dun Plano de Emprego 2007-2009 no que analicemos as carencias e as necesidades da rede comercial, das equipas de substitucións, así como os criterios para establecer o número de traballadores/as de cada oficina.

Continúan os nomeamentos de apoderados/as con contratos temporais.

¿Hai persoas que valen para ter un posto de responsabilidade pero non valen para ter un contrato fixo?, semella que esa é a política da “Area de Directivos”. Anticipándose ás rebaixas. a Dirección continua nomeando a persoas que levan anos con contratos temporais para postos de responsabilidade e en lugar de pasalos a fixos mantén ou incluso alonga a duración dos contratos temporais.
A situación é mais grave se falamos das persoas que son destinadas como responsábeis nas oficinas da expansión, casos nos que se incumpre os acordos que tiñamos ata este momento.

Situación das denuncias presentadas pola CIG ante as Inspeccións de Traballo.

A raíz das denuncias presentadas pola CIG contra as reunións convocadas pola Dirección Comercial Galiza en horario de tarde, varias Inspeccións de Traballo xa requiriron da empresa toda a documentación ao respecto. A Caixa, nun acto de cinismo, mantén que estas reunións son cursos de formación.
No caso da denuncia presentada na provincia da Coruña polas reunións de Ferrol, Compostela e A Coruña, xa temos data para unha xuntanza na Inspección entre todas as partes. En Lugo a Inspección fixo acto de presenza o mesmo día da reunión, estando pendentes das actuacións das respectivas Inspeccións de Traballo en Pontevedra e Ourense.

1 comentário:

Anónimo disse...

Deixade de falar con quen non escoita: FOLGA NA CAIXA XA!!