30.10.06

Opinión

A eficiencia nas Caixas de Aforros. Por Clodomiro Montero

Vén sendo habitual que os xestores das Caixas de Aforros, nas súas comparecencias públicas, falen permanentemente da procura de eficiencia por parte destas entidades. Todo o mundo está de acordo en que as Caixas, como calquera empresa, deben procurar unha xestión eficaz dende o punto de vista empresarial, pero tamén socialmente.

Outra cuestión é o ratio que mide a “eficiencia” á que se refiren os xestores das Caixas de Aforros, que consiste na porcentaxe dos ingresos que absorben os gastos. Como é lóxico, mellorar esta eficiencia pasa por incrementar os ingresos e reducir os gastos.

A Banca Privada ten ratios de eficiencia maiores que as Caixas, e por iso dende a Confederación Española das Caixas de Aforros (CECA), teñen elaborado unha nova política que pasa por incrementar e estender as comisións repercutidas aos clientes e, por outra parte, reducir os gastos de persoal.

A extensión do cobro de comisións aos clientes por parte das Caixas de Aforros é socialmente inxusto, increméntanse as comisións cobradas a quen menos ten (pensionistas, parados, pequenos aforradores, etc.), xa que por motivos comerciais exímese do cobro a grandes clientes. Estender o cobro de comisións nas Caixas de Aforros significa que pague máis quen menos ten, o que choca co motivo fundacional das Caixas de Aforros: facilitar a integración financeira das persoas máis desfavorecidas.

En canto á redución dos gastos, a maior partida a representan os gastos de persoal, polo que a proposta pasa por introducir un novo modelo de xestión de recursos humanos máis precario: reducir e substituír o salario fixo por retribucións variables, incrementar e abusar da temporalidade e reducir o número de traballadores/as incrementando as cargas de traballo.

Con este novo modelo “eficiente”, os clientes terminarán por pagar máis por un peor servizo.

O Fondo Monetario Internacional, o Banco Central Europeo e algunhas voces dentro da Comisión Europea apostan pola privatización das Caixas de Aforros e a súa transformación en Bancos. Continuar cunha xestión bancarizante é dar argumentos a quen defenden que as Caixas sexan privatizadas e saian a Bolsa. Se funcionan igual que os Bancos, deben someterse á disciplina do mercado argumentan os axitadores neoliberais.

Pola contra, procurar un modelo de xestión propio e sustentable socialmente é garantir a viabilidade das Entidades de Aforro cara ao futuro. Ese é o gran reto pendente nas Caixas de Aforros Galegas.

1 comentário:

Anónimo disse...

Les envío a mi mano derecha y ustedes en vez de aprovecharlo le critican. ¿Pero no sabían el bicho que se llevaban?