30.11.10

Rexeitamos o ERE, o principio do proceso de privatización

O pasado día 29 de novembro nacía a nova entidade froito da fusión de Caixa Galicia e Caixanova. Media hora antes pechábase o período de consultas do ERE de extinción para 900 postos de traballo en Galiza. A CIG optou por non asistir á sinatura de constitución da nova entidade porque entende que se abre o camiño cara a súa inminente privatización, previa reconversión vía ERE.

A posta en marcha do decreto coñecido como FROB aprobado polo PSOE e PP en Madrid foi o pistolezado de saída para unha profunda reconversión do sector financeiro do estado. Denunciaba a CIG daquela que o decreto centralista condenaba ás Caixas de Aforros a un proceso de concentración, como paso previo a súa privatización. Todos os SIP en marcha son bancos que nun 60% dos casos teñen a sede en Madrid.

O pasado fin de semana José Luís Rodríguez Zapatero, despois de reunirse cos 37 grupos empresariais máis importantes do Estado destacaba dentro das reformas antisociais, a reconversión do sector financeiro, nomeadamente a reforma da LORCA (Lei estatal de Caixas) aprobada polo PSOE co apoio do PP. Na súa intervención á saída do acto Zapatero dixo textualmente: “La reforma de la Ley Orgánica de Cajas de Ahorros (Lorca) abre la puerta a estas entidades para transformar su naturaleza, convertirse en bancos, y captar capital privado".”.

A CIG defendeu durante o longo debate sobre o futuro das Caixas a fusión galega para evitar a súa desaparición baixo a premisa da “defensa do emprego, da galeguidade e do carácter social, é dicir manter a natureza xurídica das caixas en contra da privatización longamente reclamada polo FMI e a UE.

O apoio á fusión por parte da CIG produciuse logo de que o propio Alberte Núñez Feijoo asumira o compromiso público de que a entidade fusionada seguiría sendo unha Caixa.

Entrada de capital privado

Porén, os Estatutos recentemente aprobados polas Asembleas Xerais de Caixa Galicia e Caixanova coa oposición dos representantes da central sindical, contemplan a entrada de capital privado con dereitos políticos: a privatización deseñada polo PPSOE en Madrid.

Compromiso incumprido por parte de Feijoo de non utilizar medidas traumáticas

Alberte Núñez Feijoo asumiu tamén que durante a reestruturación non se aplicarían medidas traumáticas en materia de emprego, pero finalmente a saída do persoal excedente será vía Expediente de Regulación de Emprego, con prexubilacións e baixas incentivadas, co que Galiza perderá 900 postos de traballo directos, aos que habería que sumar o das empresas auxiliares.

Así mesmo, a través da Lei galega de Caixas aprobada polo Parlamento Galego en decembro de 2009, democratizábase o aceso aos órganos de goberno, unha garantía de renovación das direccións despois dos graves erros na xestión. Pero o Pacto PP-PSOE no parlamento galego blinda as actuais Direccións dunha e doutra entidade, que despois de recibir axudas públicas acordaron unha suba salarial para altos directivos.

A CIG ten denunciado tamén que mentres a nova Dirección vende participacións en empresas estratéxicas para Galiza, mesmo nalgunhas que naceron grazas a fortes investimentos públicos coma “R”, as Caixas aumentaron a participación en Sacyr, ou están financiando o metro de Madrid, mentres centos de pequenas empresas pecharon as súas portas en Galiza por falta de financiamento.

Por todo iso, a CIG non participou no acto inaugural de sinatura da escritura de constitución da nova Caixa Galega, dado que estamos ante a antesala do proceso de privatización da entidade, previo proceso de reconversión vía ERE.

Sem comentários: