19.10.10

Acordo Laboral (I)

A semana pasada as Caixas comunicáronnos que estaban valorando unha posible reunión da mesa negociadora, algo que semella non terá lugar. Entendemos que debería ser convocada xa que o “acordo” non foi sometido á mesma e polo tanto hai un grave defecto de forma. Agardabamos a convocatoria para ver se quedaba marxe para negociar e para dar nosa contestación.

En relación ao pacto hai que facer historia, retrotraernos aos días 27 e 28 de setembro, datas nas que se celebraron asembleas nas cidades de Vigo e Ourense, que estaban previstas tamén noutras cidades. As asembleas falaron e foron claras, había que seguir negociando para conseguir mellorar o acordo, algo que a CIG compartiu e defendía plenamente.

O día 29 de setembro, Galiza viviu unha importantísima xornada de folga xeral e o día 30 anunciouse na mesa un acordo que, tal e como alí dixemos, era incompleto, ambiguo en canto aos compromisos, e aberto a interpretacións unilaterais por parte das caixas.

Moito se está a falar do ERE, de xeito moi malintencionado, especialmente polas cúpulas directivas de ambas entidades que son as responsables. Os ERE’s, con carácter xeral, os promoven as direccións das empresas e os sindicatos combatémolos e tentamos minimizar o seu impacto. Son as direccións das Caixas as que promoven o ERE pero se parapetan na representación sindical. Logo, aínda teñen a cara de criminalizar aos sindicatos ante a folga xeral, como fixo Caixa Galicia.

A CIG non era partidaria dun ERE (pensamos que o resto dos sindicatos tampouco) pero ante as bendicións dos Goberno Central, Autonómico e do BdE, a única alternativa real era tentar minimizar o seu impacto. Así o intentamos sen éxito debido á firma precipitada do acordo. Quedaba marxe para a negociación, como demostrou que nunha acta posterior incluirán, imaxinamos que avergoñados, garantías para o persoal da obra social e Fundación.

Agora estase a crear unha cultura do medo en torno ao pacto: medo para que a xente marche e medo para que a xente non marche. Para a CIG ese non é o camiño, pensamos que temos aínda a posibilidade de conseguir maiores garantías. Que as Caixas valorasen reunir novamente a mesa é unha proba, non teñen todas consigo.

Estamos tendo problemas para poder convocar asembleas nas cidades, pero farémolo, e temos previsto convocar unha asemblea nacional de traballadores/as das Caixas para propoñervos medidas co fin de mudar as cousas, nun proceso no que podemos gañar se contamos con aliados na sociedade fronte o desmantelamento, liquidación, venda e privatización das Caixas.

Por último, transmitir ao persoal maior de 55 anos que, dende a proposta de prexubilación que realicen as Caixas, terán 90 días para contestar; neste senso, o tempo pode clarificar parte dos puntos escuros (a reforma das pensións da que todo o mundo fala, pero tamén a recentemente anunciada reforma do INEM, que pode afectar reducindo ás prestacións ou a tamén anunciada reforma da fiscalidade que pode afectar ás indemnizacións dos ERE’s). Se se dan estas reformas é de entender que CIG, CCOO e UGT opoñerémonos a elas con carácter xeral e, polo tanto, deberíamos traballar conxuntamente nas Caixas para previr as súas consecuencias.

Ao persoal que queda, dicirlle que o pacto laboral inclúe baixas incentivadas (dentro do ERE); o día 27 de setembro mantiñamos a oposición conxunta a esta medida e a nosa postura non mudou o día 30. Como tamén recolle mobilidade xeográfica sen as garantías que solicitabamos (a mobilidade forma parte do ERE e polo tanto non é voluntaria). En materia de retribucións e outras materias o texto é ambiguo e, polo tanto, aberto a interpretacións. Semella que as Caixas queren gardarse na carteira posibles recortes se as contas dentro duns meses seguen sen cadrar.

A situación é difícil e complexa, pero non todo está pechado nin perdido.

Sem comentários: